parlamento español
Galicia Política

O Estado irreformábel

Fai non tanto tempo era eu un enfervorecido autonomista, mesmo (non me avergoña dicilo) fraguista. Estaba eu completamente convencido da viabilidade de reformares o tricentenariamente centralista Estado español, e asumía coma xenuinamente sinceira a boa vontade que dende Madrid dicían ter. Cría eu, en definitiva, que mediante leis, traspasos e acordos ben poderiamos chegar, cedo ou tarde, ao punto no que fósemos unha federación cos casteláns e outros pobos. Probe inxenuo que eu era!
Porque resulta que nestes máis de corenta anos de experimento político post-franquista nada mudou e todo dixeron que mudara. E pregunto eu: de que serve que nos chamen (de mala gana) “nacionalidade histórica” se non se nos recoñece dereito algún coma nacionalidade? De que serve ter un Estatuto de Autonomía, se está subordinado a unha Constitución que as nacións sen Estado non poden cambiar, máis que co explícito visto e prace dos pobos casteláns e castelanizados? (que nunca aceptarían a existencia e os dereitos doutras nacións dentro do que eles chaman “nación española”) De que serve ter un Tribunal Constitucional, se está composto por xuíces nomeados por partidos centralistas?
E chegados a este intre eu fago clara a miña intención, que é moi sinxela: Eu non son un radical, nin tan sequera un separatista; eu só quero un Estado para o meu país. E ese Estado ben podería estar federado con España, ou Portugal ou Irlanda ou quen for. Pero axiña veredes que iso tan sinxelo que eu pido non é, no mundo actual, máis que unha fantasía. Non é posíbel, nin tan sequera concebíbel polos que ostentan o poder no Estado español que nos poidamos chegar a ter un Estado propio (nin tan sequera para federarnos con eles e selar unha unión estábel). E non falo por falar; outros pobos, mesmo máis desprezados en Madrid ca nós, xa o tentaron de tódalas formas e fracasaron. Os vascos propuxeron o Plan Ibarretxe, unha reforma perfectamente democrática e procedimental. A resposta? NON. Os cataláns sacaron as urnas á rúa e votaron, ao marxe do que Estado ordenara; presentaron os resultados, cunha maioría favorable á independencia. A resposta? NON. De novo os vascos, xa ben aldraxados fai máis tempo, apostaron abertamente pola loita armada contra o Estado. A resposta? NON, e nós non negociamos con terroristas.
E logo pregunto eu, con xenuína curiosidade e afán por sabelo: Como se fai entón? Quedamos en que non vale a reforma, nin a revolta pacífica, nin moito menos a loita armada; e ao ritmo desta orquestra nacionalista que insiste en tocar (en troques de fuxir do barco) mentres o Titanic do Estado segue a afundir, temos tamén ao Tribunal Constitucional, que vai, paseniñamente, desfacendo toda lexislación autonómica que a Madrid non lle guste. Para eles non somos ren. Non nos deixan facer nada. Politicamente somos unha rexión que agora se chama “Comunidade Autónoma” e que está cada día máis preto de ser engulida por un buraco negro que se chama Madrid. E semella que así é coma remataremos, se do Estado Español depende. Só o tempo dirá se, antes de que iso aconteza, podemos formar nós o noso propio Estado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.