federalismo
Crítica Política

Federalismo e fendas sociais

Reflexionar sobre ideas, modelos de Estado ou teoría política non está de moda. Os medios de comunicación hoxe en crise fronte ao empuxe das redes sociais prescindiron hai tempo dos programas que como “La Clave” irrigaban a conciencia política das capas máis ilustradas da sociedade civil española.

A propia academia abandonou os fondos debates filosóficos e das ideas, polos estudos empíricos. análise do discurso, marketing, comportamento electoral… estamos na era da política como producto e non como ciencia. As ideas non se debaten, ofrécense debatidas e elaboradas por gurús que saben moito, pero que non están dispostos a confrontar o que saben con outros que ao seu xuizo “non saben ben” por que o seu saber non é científico.

Nos estertores da teoría política clásica, eu reivindícome academicamente discípulo, se cadra alevín, do vello xeito de concibir a teoría política, como puro debate de ideas e conceptos dialecticamente discutibles.

Serxio María, politólogo pola USC.

Acordouse no caso Español que o federalismo morreu, como dicía a canción “de tanto usarlo”, e resulta que para algún douto home de letras, o réxime no que vivimos xa é federal de facto, aínda que non bautismalmente. Permítanme na miña condición de alevín da disciplina á que pertenzo discrepar con tan insignes mentes.

Nen foi, nen é, e mesmo me atrevería a pensar que non sería federal España, se os federalizadores que a federalizasen fosen os apóstolos da simetría territorial que abondan no paraxe mediático cortesano que entre o Zar dos Peares e o señor Fernández-Latorre controlan a conciencia mediática do país.

Estamos nun debate moi serio que excede por moito os cotilleos do Horreo, e mesmo as futesas que abondan no Twitter e outros paraxes bagatélicos nos que aparece unha sorte de aroma que lembra ao debate político, pero que non deixa de ser un concentrado de flustracións mundanas.

O debate federal é vello, e a súa posibilidade imbrincase no debate sobre a forma do Estado. Se revisamos por que se debate sobre federalismo, atopámonos xeralmente dúas explicacións: ou ben se pretende construir o Estado por abaixo, ou ben se pretende construir o Estado por riba. E teña, prezado lector, en conta que a apreciación non é menor. Pois según se queira unha idea ou a outra, o tipo de federalismo que se obten é moi distinto.

No primeiro dos casos, o que chamo “federalismo por riba” o que se busca é que os que pretenden construilo dende abaixo (dende as nacionalidades e regiones) non se desmadren e vaia a desaparecer a sagrada esencia dalgo chamado España que ninguén atinxe a comprender de que se trata de xeito aillado “aos de abaixo”. E polo tanto un debate de esencias. A esencia a preservar é España. A lóxica deste “federalismo por riba” evidentemente o único que ten de fede-ralismo é que fede. Que fede precisamente a dereito de conquista e a chovinismo. Segundo os defensores da simetría “cooperativa” o federalismo non pode servir para que uns suxeitos moi malvados, chamados “nacionalistas”, controlen a “esencia” é dicir España. Unha posición lexítima, mais na opinión deste humilde alevín, unha posición antifederal.

Os que defenden sen embargo, defendemos se mo permiten, o federalismo por abaixo. Defendémolo dende unha óptica republicana. Son os cidadáns os encargados de formular o proceso de federación a través de mecanismos participativos. O federalismo mal chamado “competitivo” ou “asimétrico” non é outra cousa que a pretensión por facer partícipes identidades individuais e colectivas diferentes da expresión política que mellor sintetiza o comunitarismo coa defensa das liberdades persoais, a república federal. Vivimos nun mundo onde as fendas socias abrollan sen cesar. As fendas de clase son cíclicas e dinámicas, as peripecias económicas sitúan aos de arriba abaixo e aos de abaixo arriba e o camiño inverso pode ser desandado e volto a andar en períodos brevísimos. Os procesos de globalización e as transformacións do capitalismo global deixan tras de si un ronsel de gañadores e perdedores dos que se alimentan os populismos e a dereita radical. Fronte a todo isto, o federalismo republicano é unha aposta pola integración de identidades nacionais (se existisen) diversas, culturas sociais mesmo contradictorias e intereses políticos diversos. O federalismo como foedus (pacto), ofrece unha visión plural e multinivel tanto da sociedade como das institucións que a gobernan. Permite unha lóxica competencia entre institucións baseada na lealdade motivada pola mutua necesidade nun contexto mundializado.

No entanto este debate que até os nosos días é “español”, deixou de selo sen que nos deramos conta case nun abrir e pechgar de ollos e é xa un debate transnacional que excede por moito os lindeiros dos Estados-Nación e mira xa aos Estados Unidos de Europa. A crise da COVID puxo riba da mesa unha vez máis a necesidade de artellar sistemas políticos integrados, con estructuras de goberno multinivel que deseñen liñas estratéxicas comúns, pero que se diferencien na súa implementación, axeitandose á realidade sociodemográfica e económica de cada territorio e cada comunidade.

Os eixos de articulación do discurso dos sistemas de partidos estatais cada vez máis obsoletos e aborrecibles, van deixando lugar aos grandes debates comunitarios e europeos. Fronte á lóxica esmagante case prusiana dos Estados na súa loita por sobrevivir, implantase a lóxica política do europeísmo. Compre non entanto diferenciar o europeísmo do UEuropeismo. Pois a idea de UE que defenden algúns grupos como o EPP, non abonda en ser unha idea de Europa como mercado. E mesmo nalgúns casos como no dos populares maxiares, Europa como comunidade confesional e parapeto fronte ao diferente.

A idea de Europa que defendemos os federalistas, é a dunha República de pobos e cidadáns libres e iguais, fraternos e solidarios que dende a diversidade que define o continente, integren un parapeto fronte a señores e ideas como as de Victor Orban ou Mateo Salvini. Non son tempos de volver ao mercantilismo e a construcción de imperios nacionais. É tempo de republicanismo cívico, defensa do modelo europeo de benestar e cooperación entre diferentes.

Estamos pois ante a era do federalismo. Hai quen semella telo comprendido. E os galegos? Comprenderémolo?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.