Actualidade

Impacto do coronavirus no ámbito educativo

Dende fai semanas  uns 800 millóns de  nenos e nenas  tiveron que deixar de acudir a escola por mor da crise sanitaria causada polo Covid-19, en España esta cifra ascende a 7,7 millóns na educación primaria e secundaria e 2,2 millóns na educación superior. As clases presenciais foron emprazadas  por clases online  para poder adaptarse a  esta nova situación e cumprir así coas medidas de distanciamento e illamento social; mais,  que repercusión ten a actual situación na educación dos nenos?

Un estudo realizado pola Organización De Estados Iberoamericanos  para a Educación (OEI) estima que un estudante que regrese  a clases  no mes de xuño  perdería arredor dun 11% do que aprende  nun curso escolar completo presencial,  pola mesma liña  vai un estudo realizado no  ano 2012 polo National Stude Of Online Charter en EEUU  que  concluíu que o aprendizaxe  telemática dos alumnos e alumnas  non é tan efectiva como os métodos presenciais e o rendemento académico resultou ser considerablemente máis baixo sobre todo  nas matemáticas e na lectura.

Segundo a UNESCO a suspensión das clases presenciais afecta  ao aprendizaxe  dos mozos e mozas, especialmente ao alumnado que presenta maiores dificultades podendo influír significativamente no aumento  na taxa de abandono escolar  situada actualmente nun 17,3% (cifra máis baixa dos últimos anos ), mais aínda lonxe do 11,9% da media europea.

 Ao empregar  unha educación virtual como principal vía de comunicación no proceso de ensinanza aprendizaxe tamén se debe ter en conta  a brecha dixital, xa que existe un gran número de nenos e nenas que non teñen aceso a tecnoloxías ou carecen dunha boa conexión a internet sobre todo en familias desfavorecidas. A ONG Save the Children  indica que tan só o 42% das familias que ingresan menos de 900 euros o mes posúen un ordenador e un 22% non teñen acceso a rede; en Galicia preto de 3000  nenos e adolescentes  sofren esta brecha dixital que a Xunta trata de poñerlle solución a través de diferentes programas e axudas que semellan lentas e insuficientes.

Outro aspecto importante a ter en conta é a brecha escolar (capacidade dos centros educativos e docentes  para levar a cabo a ensinanza telemática); un estudo realizado pola Fundación  COTEC conclúe que en países como  Canadá, Estados Unidos e os países nórdicos entre o  70 e o el 80% dos  directores aseguran que os docentes dos seus centros dispoñen das capacidades para integrar os dispositivos dixitais na ensinanza; porcentaxe que en España se reduce a un  50%.

 Segundo unha enquisa realizada polo sindicato CIG o 17% dos docentes non poderían contactar co seu alumnado (por problemas técnicos ou formativos na casa do estudante ou dos docentes).

 Un estudo  de Confapa (Confederación Galega de ANPA´s de centros públicos) levado a cabo fai un par de semanas  amosa datos relevantes acerca de cales son os problemas cos que se están a atopar tanto docentes como alumnado nesta nova “docencia telemática”:

  • 2 de cada 3 familias  recoñece que só ten un ordenador para compartir entre os membros da familia.
  • Entre as ferramentas dixitais que máis empregan os docentes galegos están: Aulas virtuais, programa Abalar (Webex 2.0) e o correo electrónico.
  • O 30%  asegura que a súa conexión era de baixa calidade, inferior a 2 Mbps.
  • O 7% dos docentes  recoñecen que teñen estudantes “desaparecidos” dos que nada saben dende o inicio da crise. Por outra banda  un 29% dos pais e nais enquisados cren que a interacción alumnando-docente é deficiente e atopan dificultade para poñerse en contacto cos mesmos.
  • Existe un exceso de tarefas segundo os enquisados dende que se está a empregar a vía telemática; en Infantil 7 de cada 10 cativos pasa 3 ou máis horas diarias facendo tarefas escolares; en Primaria 1 de cada 3  ata máis de 4 horas e en Secundaria  1 de cada 3 bota 6 horas ou máis .
  • Estas horas de traballo tamén aumentaron para os docentes xa que 1 de cada 3 considera que está a ter un incremento considerable de traballo; sindicatos como FSIE estiman este aumento en  3-4 horas laborais máis a semana.

Interesantes son   as conclusións as que chegaron nun estudo realizado por dous profesores da Universidade Rey Juan Carlos no que indican que a suspensión de clases presenciais  ata o remate do curso  podería chegar a supoñer un 4,37% na desviación estándar  da aprendizaxe do alumnando no caso de que as clases online non se realizaran; sendo deste xeito maior o impacto sobre o aprendizaxe global do alumnado. Polo que as clases telemáticas aínda que seguramente non sexan igual de produtivas e efectivas que as presenciais, permiten dalgunha maneira mitigar os efectos negativos que está a ter esta crise sanitaria no proceso educativo  dos nenos e nenas. Por outro lado neste mesmo estudo  indicase que este descenso a nivel educativo pode verse traducido a un descenso  salarial dun 1% cando estes estudantes  teñan entre 30 e 40 anos baseándose  no que ocorreu fai anos na Arxentina  cando os nenos e nenas non tiveron clase durante 88 días traducíndose nun descenso no salario futuro  dun 2,90%.

Varios expertos sinalan que para que a docencia telemática  sexa o máis produtiva e satisfactoria posible  é esencial seguir unha serie de consellos:

  • Acompañamento emocional do alumnado: que se sinta escoitado, comprendido e motivado de cara o aprendizaxe.
  • Recordarlle que este período non son vacacións: hai traballos que facer e contidos que aprender.
  • Empregar unha plataforma dixital sinxela e que o docente domine para poder explicar da mellor maneira posible como funciona e como se traballara nela ao alumnado.
  • Deixar claro  que deben facer e como o deben facer : traballos, contidos a estudar, horas e datas das vídeo titorías, datas límites de entrega entre outros.

Entre as solucións que se propoñen para mitigar o efecto sobre a educación desta crise a fundación COTEC  destaca o aumento  do horario lectivo en torno ao 5% adiantando o inicio do curso 2020/21 ou ben reducindo os períodos de vacacións. Outra solución aportada por numerosos expertos é a baseada na ampliación,mellora e  renovación do Programa  PROA ( plan de reforzo, orientación e apoio), iniciado no curso 2004/05 polo que se pretende potenciar a aprendizaxe e o rendemento escolar do alumnado que presenta maiores dificultades. Con este plan estase a obter melloras significativas no aprendizaxe do alumnado, por exemplo a nivel lector o alumnado participante neste programa mellorou un 10% segundo diversos estudos; polo que a priori se torna como unha  boa opción para  reforzar a educación unha vez rematado este período agudo da crise.

Ligazóns de interese:

https://eldiariodelaeducacion.com/2020/04/06/como-viven-los-estudiantes-la-crisis-del-coronavirus/

https://www.larazon.es/coronavirus/20200403/tr3exspp6ncvnhpox27qdzcwxe.html

https://www.bbc.com/mundo/noticias/2015/11/151104_educacion_online_internet_peor_lb

https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2020/04/05/docentes-denuncian-brecha-digital-les/1491858.html

https://www.oei.es/Ciencia/Noticia/oei-analiza-como-afectara-el-cierre-colegios-coronavirus

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/2083

http://www.confapagalicia.org/

http://www.confapagalicia.org/wp-content/uploads/2020/04/Resultados-Enquisa-CONFAPA.pdf

2 thoughts on “Impacto do coronavirus no ámbito educativo”

  1. Excelente! Unha descripción moi fidedigna da situación actual non só en España pero nos EEUU tamén. Como mestre de primaria, estasme a describir a vida profesional de momento. Bravo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.