Actualidade Crítica Galicia Política

Camaleónico Feijóo

Todo comezou a fría mañá dun 10 de febreiro. No momento en que o presidente vasco Íñigo Urkullu anunciou que se adiantaban as eleccións vascas saltaron as alarmas en San Caetano. Alberto Núñez Feijóo e os seus tiveron que tomar decisións rápidas e facer o propio cos comicios á Xunta. Era importante non perder tempo, cantos máis meses pasaran máis se materializarían as presumibles bondades do novo goberno estatal de progreso.

Tristemente para Feijóo -e neste caso tamén para nós- aló polo día 20 de febreiro xa circulaba libremente por algunhas cidades españolas o COVID-19, o famoso virus do que falamos ó inicio deste blog e sobre o que, coma tantos outros, erramos infravalorándoo. Como non podía ser doutro xeito o presidente da Xunta tivo que adiar as eleccións, de novo a rebufo do Lehendakari Urkullu.

Agora que en Euskadi xa se fala do mes de xullo para esta volta electoral, pregúntome eu se Feijóo volverá copiar a súa estratexia.

O novidoso contexto que se lle presenta a Feijóo nestes momentos tamén o favorece. Toda oposición que faga contra o goberno estatal servirá para desestabilizalo políticamente. Sen embargo ten que acatar as medidas impostas polo mando único, de xeito tal que, saia ben ou mal, terá a posibilidade de argumentar un bo discurso que o reforce en clave electoral.

Quixo poñer en xaque a Sánchez coa saída ordenada dos nenos á rúa pero o presidente soubo manexar a situación cun rápido anuncio a nivel estatal. Agora témolo reclamando medidas de desconfinamento por autonomías e maior capacidade de decisión. Calquera diría que Feijóo é un dos maiores galeguistas de non coñecer o seu pasado. Todo reclamo de maior autonomía para Galicia nestas datas non é máis que unha mostra de rebeldía, pero non contra o modelo de estado senón contra o actual presidente Pedro Sánchez. E máis vendo como ten actuado Pablo Casado ultimamente.

Pablo Casado demostrou unha oposición inactiva e impotente, de carácter -auto-destrutivo. Un líder sobrepasado pola situación, polo resto de representantes da oposición e tamén polos propios compañeiros de partido. A campaña de VOX contra o PP segue nos seus mellores momentos debido á inacción de Casado. A súa irrelevancia no hemiciclo, a falsa lealdade de Feijóo sumada agora á crecente subida en popularidade do alcalde de Madrid, Martinez-Almeida, están deixando ó líder dos populares coma un dos primeiros candidatos en verse obrigados a dar o paso a un lado. Se o PP se mantén na cima das negociacións polos pactos da reconstrucción é pola imposibilidade de rexeitalos.

Ningún de nós sabemos o que vai acontecer nos seguintes meses. Se conservaremos o noso traballo, o tamaño da crise que nos espera, se atoparemos a cura do COVID-19, se virá outro brote en outono, se o noso sistema político resistirá… O que si teño claro, é que unha vez máis Feijóo xogará as súas cartas. E sempre as xoga ben.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.